2018/02/12

9ª xornada da LNB NorLeste 2017-2018

O furacán Alvariño asoballa en Mondoñedo

 Tarde fría mais non tanto, ceo cuberto con amiaza de pingas e chan mollado, nos recibiron na Alameda dos Remedios de Mondoñedo para a disputa do “VIII Aberto da Tarta” e novena xornada da LNB NorLeste, foi o sábado 10 de febreiro de 2018.
Boa participación de palanadores. Cada equipo co obxetivo de conservar ou mellorar na clasificación xeral e cada palanador ca teima persoal de coroarse gañador na cidade Episcopal.
Conta a historia, ou lenda, que en 1483 mentres o mariscal Pedro Pardo de Cela estaba no cadalso escoitando a súa sentenza de morte por traición, soldados do bispo de Mondoñedo lle estaban facendo perdelo tempo a súa dona Isabel de Castro (que traguía o indulto dos Reis Católicos) para evitar que esta puidiera salvarlle a vida o seu marido. O atraso impidiulle chegar a tempo  e a cabeza do mariscal, rodou polos escalóns do patíbulo, berrando “creo, creo, creo”.
Carlos Alvariño, ca tranquilidade de verse Campión.
Hoxe ninguén puido entreter a Carlos Alvariño. Con brazo forte, petaba certeiramente unha e outra volta na billarda, botando o ar o su terrorificoo oubeo “Auuúuu…! que resoaba en toda a Mariña Central. Dous golpes, dous berros, e a billarda dentro do varal. Cinco carreiras, vintecinco puntos. Era o seu día, como ben tiña adiantado: “Hoxe teño gañas de tarta”.
Non queda outra que aplaudir ao Campión
Nin sequera o tricampión nacional Markytos, que estaba no mesmo grupo, foi quen de para-lo vendaval dos Carabullo e tivo que se conformar co segundo posto e un punto menos, terceiro e con vintetrés puntos quedou o seu compañeiro de equipo Daniel. 
 
En donas Geni, mais unha vez, foi a mellor seguida de Paula e de Merche, ás que doblou na puntuación. A distancia vai medrando e semella que o seu nome está xa imprimido a fogo no primeiro posto do podio femenino.
Houbo tres arroutados que foron quen de facer varado no día de hoxe. No primeiro tiro da tarde foi Santi, o actual líder, quen chimpou a billarda no varal dun so golpe, seguiuno Tomás e redondeu Markytos.
Nesta ocasión de por mor da diferencia de dificultade entre as dúas pistas, fixemos intercambio na cuarta carreira. As polas das árbores xogaron en contra e malia os esforzos, anguha billarda ficou por aló. 
En equipos foron de novo os Billardeiros Musicais os que amosaron maior regularidade e superaron a Carabullo. En terceiro lugar Troitas Bravas, recuperaron os nove puntos que os separaban  de Chainzos-Cadaval e colócanse por riba ainda que so por tres puntos.
Estamos moi ledos da presenza de palanadores de outras conferencias e aplaudimos que malia a inseguridade do tempo, se desplacen a xogar con nos. Sabedes que sempre sodes ben recibidos. Graciñas e voltade cando queirades.
Como non podía faltar a entrega de premios, o seleccionador nacional Manolo Flores, foi o encargado da ceremonia. Sendas tartas foron os agasallos para os tres primeiros clasificados e para o equipo gañador da xornada, un botelo.
Agora tocan abertos fora de liga, A Candeloria o 24 febreiro en Lugo, o San Rosendo o 3 de marzo en San Miguel e o All Stars en Poio o 17 de marzo. Retomaremola liga en Mosteiro o 24 de Marzo para disputar a décima xornada. Saúde e billarda sempre!

No hay comentarios: