2016/11/14

4ª xornada da LNB NorLeste

4ª xornada da LNB NorLeste. San Miguel (Barreiros) 12.11.16
Solo de Markytos no aberto das castañas
No pavillón de deportes de San Miguel, a cuberto da choiva que caía a rego cheo, tivo lugar unha nova enganchada billardeira ca participación de cinco dúcias de palanadores en deportiva loita por acadar os postos de honra da xornada.
En cada aberto van aparecendo caras novas que veñen agrandar e dar maior colorido a tribu billardeira, uns con mais fortuna ca outros, pero todos ca millor disposición de participar e axudar a espallar o deporte da billarda. Vamos medrando, sen prisa pero sin pausa, que como di o refraneiro “À auga de correr e ós cans de ladrar, non llo podes privar”.
Xa que a choiva non obrigaba a xogar a cuberto, non estábamos tan apurados de tempo e daquela demos  comezo as carreiras logo de agardar un bo anaco para que foran chegando os que (maiormente por ser de mais lonxe ou por mor do traballo, viñan con demora.
O resoar dos golpexos do palán na billarda, que saía escopetada cara adiante, fundíase nun todo co barullo xeral, que subía decibelios cando un palanador  conseguía un “varado”. Hoxe si, hoxe era un bo día para os tiros directos e foron uns cantos, dezaseis finalmente os acadados en toda a xornada e precisamente por xogar no pavillón, a xente xogaba confiada e non foron poucas as billardas que saían desviadas a rentes do varal.
E mentres o xogo discurría, o seleccionador nacional Manolo Flores desapareceu e voltou cun cargamento de castañas asadas que foron o deleite dos palanadores e xiareiros presentes.
Os debutantes iban paseniño entrando no xogo, con maior ou menor sorte e dando algún que outro susto os mais veteráns. Entre os que poideramos chamar “novatos” destaca favorablemente “Sachas”, unha das incorporacións deste ano dos Troitas Bravas, que en moi pouco tempo, esta acadando un envidiable nivel de xogo. Encóntrase cómodo na parte alta da táboa clasificatoria e destaca tamen en varados. Parabéns.
Ao remate das carreiras o dominio dos Billardeiros Musicais foi asoballante. Markytos e Manu Pozo (24 puntos c/u) loitaron polo primeiro posto saindo gañador o bicampión nacional, mentres que o seu compañeiro Rubén víase superado na loita polo terceiro posto por un entonado Jorge dos Remourelle Bulls,  que evitou deste xeito un podio monocolor.
En equipos, os Billardeiros Musicais manteñen a condición de invictos e consolidan o primeiro posto, aumentando a súa vantaxe.
+
No apartado de donas, parece que Lola Eiras de Polka Miseria, está collendo forma e quere rebaixar a distancia ca xefa Geni, hoxe como a derradeira xornada, empataron a dezanove puntos, terceira foi Lorena con once puntos.
En varados a xornada pechouse con dobletes de Charli, Markytos, Pepe de Outeiro e Sachas e outros que se estrearon ata completar os dezaseis da xornada.
Os agasallos para os primeiros foron entregados por Flores, na súa faceta de anfitrión e coordinador do aberto, e para remate da xornada, puxo o broche de ouro con unha partida de petiscos de torrezmos e chourizos, pan e viño do que disfrutamos todos xuntos, aparcadas as rivalidades do xogo, en boa amizade e millor camaradería. Esto é billarda: Xogo e festa rachada!
Antes do torneo do Galo (10 decembro en Ribadeo), temos a disputa da “X Copa Cantábrica” en Avilés, donde agardamos renovar título contra a selección asturiana. Estade atentos a chamada do seleccionador Manolo Flores. Billarda sempre e adiante co Varal.

No hay comentarios: