2016/10/31

2ª xornada da LNB NorLeste.


A Cadeira 15 de outubro de 2016 

Milio turra con forza no Alto da Cadeira

Organizado pola “Asociación Kultural Sakabeira Rock” (AKSR), o sábado 15 de outubro celebrouse no Alto da Cadeira, ao pé da ermita de San Marcos, o terceiro aberto da “Pita do Monte”, correspondente a 2ª xornada da tempada 2016.17 da LNB da conferencia NorLeste.
Un  terreo bravo e irregular, acondiconado para a ocasión, foi o escenario no que os bravos palanadores da multicolor serpe billardeira, loitaron nobremente sen trégola, polos postos de honra.
A familia medra, e hoxe cheos de ledicia, demos a benvida a un novo equipo. Levan o nome de “Billarda verde” e veñen dende Castroverde. Nesta primeira ocasión con so tres representantes, a modo de avanzadilla, deu mostra de estar disposto a loita e non ser mera comparsa nesta, para eles, nova faceta deportiva.
Con medio cento de palanadores repartidos en seis grupos, as billardas, semellantes a foguetes de cores, comenzaron o seu particular baile festeiro a través do ar montañés. As billardas, por veces dotadas de vida propia, tomaban distintos camiños afastándose do varal. Ignoraban os desexos do palanador de turno e sucedéronse as trasnadas subliñadamente cando ao pouco de comenzar a xornada, caeron unhas pingas a modo de barruzo fino que trocaron unha gran parte do terreo de xogo en esbaradizas pistas de patinaxe.
Malia os pequenos contratempos o xogo seguía con gran animación cando un estourido de voces e aplausos pregoaba o primeiro varado da tempada. Migho, do equipo “Carabullo” foi quen de abrir a lata dos tiros directos. Secundárono neste apartado Santi do mismo equipo e mais tarde Pepe de Outeiro de Chainzos-Cadaval e o propio Migho que repetiu sorte.
Rematou a xornada con Milio dos “Remourelle Bulls” como gañador do aberto en solitario. Chegou con gañas e así o demostrou cedendo so dous puntos dos vintecindo posibles. Foi secundado por Markytos de “Billardeiros Musicais” e para o terceiro posto hubo de xogarse un desempate entre Jorge Galdo de “Ekipa-Bíteres” e Pepe de Outeiro de “Chainzos-Cadaval”. Foi a estrela dos Ekipa quen subiu o terceiro caixon da xornada.
En donas repite o podio da xornada anterior, voltando Geni (Bill. Musicais) a ser a mellor calificada con 18 puntos, seguida  por Irea “Carabullo” e Lorena “Chainzos-Cadaval” (ou Lorena-Irea, que tando monta, xa que ambaslas dúas conseguiron candanseus 13 puntos).
En equipos repite tamén Billardeiros Musicais de Ribadeo, foron os mellores nesta xornada seguidos de Chainzos-Cadaval e de Carabullo.
Chainzos -Cadaval e Carabullo ao axexo dos Billardeiros Musicais
Artísticos cuadros artesanais foron os premios para os gañadores individuais e unha presada de castañas para o equipo da xornada.
A terceira xornada está fixada para o sábado 29 de outubro en A Pontenova. Xúnguete a LNB e disfruta xogando a billarda. Billarda sempre e adiante co Varal

No hay comentarios: